O ENCORO DE CHANDREXA E A SÚAS CONSECUENCIAS NO POBO E NA XENTE DA ESPASA E OUTROS POBOS DE QUEIXA.
Aló pola década dos 40, en plena post-guerra, coma un de tantos outros que por aquiles anos se acometeron, escomenzouse o encoro de Chandrexa, cerrándose a presa a comenzo dos anos 50.
Un dos pobos que mais sentiu o anegamento das terras, pola súa proximidade ó río Navea, foi a Espasa.
Iste feito, que de por sí xa se vía que non podía ser intrascendente, repercutiu de forma absolutamente drástica sobre a vida, mais ou menos xa difícil que aquelas xentes levaban por entonces. E as repercusións foron todas abrumadoramente negativas, agás para uns poucos que á conta daquelo viñeron a medrar e sairon reforzados.
As catastróficas repercusións, grosso modo, foron as seguintes:
1-A mais importante de todas foi que, como é lóxico, as millores terras estaban a carón dos ríos, nas partes baixas da cunca, foron as que quedaron anegadas. Xunto coas leiras, lameiros, tapadas etc. Quedaron acubillados tamén os muiños, os camiños etc. A riqueza e tamén parte da historia dos veciños de Queixa.
2-O desarraigo de moitas familias que, vendo como as súas casas quedaban dabaixo da auga (caso de Cardiego e a Pousa), ou quedando sen case ningunha finca (caso dos meus abós maternos), tiveron que emigrar e buscar un medio de vida lonxe da terra que os vira nacer.
3-O abandono por parte dos políticos que, daquela gobernaban no Concello, que se venderon ós poderes políticos e económicos e deixaron á súa sorte ós veciños. Niste apartado temos que suliñar que, por poñer un exemplo, nunca se chegou a construir a ponte que debía comunicar as dúas veiras do encoro.
4-Ó millor, por culpa da dictadura que daquelas impuña o seu poder, os veciños expropiados nunca tiveron marxe de reacción ou protesta, utilizouse a política de feitos consumados e houbo que acatar os míseros precios que a administración impuxo polas expropiacións.
5-Desaparición e non reposición das vías de comunicación. Os pobos da vertente sur da cunca quedaron illados das vilas mais importantes (Trives, O Castro etc.) e tiveron que pasar moitos anos para que se abrisen unhas precarias vias de comunicación que, aínda hoxe, siguen a ser moi rudimentarias. A non construcción dunha ponte por enriba do encoro, non trouxo coma contrapartida unha boa estrada de circunvalación arredor do encoro, senón unha inmunda pista de terra, estreita e con innumerables subidas e baixadas, nalgúns casos de mais do 15% de desnivel que, para mais INRI tiñan que arranxar os veciños duas ou tres veces ó ano, despois de cada temporal que as deixaba indefectiblemente intransitables. Tampouco se levou a cabo nunca unha prometida e proxectada barcaza, que debía atravesa-lo encoro por medio duns cables.
6-Anque ignoro polo miudo o montante do canon que as sucesivas empresas propietarias do encoro lle pagaron e pagan ó concello, iste debeu ser moi pequeño ó longo de todos istes anos se nos atemos ós exiguos presupostos que sempre manexou o Concello de Queixa, anque os beneficios das eléctricas foron sempre moi grandes. Sempre me causou extrañeza a falta de reivindicación de milloras para as xentes por parte dos sucesivos alcades así coma a sumisión que sempre mostraron cara as mencionadas empresas eléctricas.
7-Todo esto trouxo como consecuencia unha forte pérdida de poboación que optou dende fai anos pola emigración, e o consecuente envellecemento da que queda; a día de hoxe as perspectivas socio-económicas desta terra son moi pesimistas xa que non existe ningunha industria e as poucas explotacións gandeiras, que é a principal fonte de riqueza da zona, que quedan vense cada día con mais atrancos para seguir adiante.
Iste pobo de A Espasa, xunto con outros que tamén quedaron afectados, e outros que xa non existen, coma Alberguería -desaparecido debaixo das augas do encoro de Prada- merecen outro trato por parte das administtracións xa que deron moito de sí e contribuiron con moito ó benestar doutras rexións. Se lle botamos unha ollada á páxina web diste concello de Queixa (sí, sí! anque pareza incrible iste concello non ten unha biblioteca, nin piscina, nin centro social, nin residencia da 3ª idade nin... pero xa conta cunha web dende fai tempo!) www.concellodequeixa.org o que nos aparece na portada é unha lenda lapidaria que coincide coa realidade máis triste: QUEIXA: GALICIA COMA SEMPRE FOI. Pois esta é a Galiza que segue coma fai 10, 20, 30, 40...anos, cunha diferencia: que está a quedar deserta.
Anque, por todo o exposto anteriormente, o futuro coido que non pinta moi ben para esta terra, non quixera deixar iste mal sabor e ó mesmo tempo quero decir que, pese a todo, esta é unha fermosa terra, merecente de ser visitada, vivida e sentida así cama as súas xentes que, de ningunha maneira, teñen culpa de que os que gobernan nas distintas administracións a teñan deixada da man.
Amadeu Domínguez Estevez (Espasa)